O día 3 de maio de 2019 houbo tres noticias con centro en Ferrol. A primeira, o XV Premio José Couso Á Liberdade de Expresión era concedido a un grupo de xornalistas da CRTVG. A segunda, este ano –ao contrario que os anteriores– nin a Radio Galega nin Televisión de Galicia emitiron información algunha sobre o acto. A terceira, que os demais medios recolleron as dúas noticias anteriores. As tres noticias reflicten o “estado das cousas” dentro dos medios públicos galegos.

Ademais do anterior, o premio foi recollido o día en que o movemento #defendeagalega cumpría un ano de vida. Cincuenta semanas protestando polo que consideran intromisión no traballo diario para a elaboración de noticias e programas. O colectivo sinala tamén os intereses do goberno da Xunta de Galicia para que os programas, sobre todo os informativos, ofrezan sempre informacións favorables ao executivo autonómico de Núñez Feijóo. E en relación a isto, denuncian o incumprimento e falta de desenvolvemento da Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisuais de 2011, así como a perda de valores no tocante á defensa e promoción da lingua galega e a súa cultura.

CHAMAREITE VENRES…NEGRO

En 2018 nace o colectivo #defendeagalega e canda el os Venres Negros. Como apuntan desde o colectivo “os motivos están e estiveron sempre diante. Hai un ano, e seguindo o exemplo dos compañeiros de RTVE, as traballadoras e os traballadores da CRTVG iniciamos unha mobilización coral para tratar de dignificar os medios públicos galegos e implicar a sociedade na loita contra o seu desmantelamento acelerado, a súa instrumentalización política e a deturpación dos fins para os que foron creados”.

Cincuenta semanas protestando polo que consideran intromisión no traballo diario para a elaboración de noticias e programas

A cuestión de por que os venres e por que de negro explícanola desde o mesmo movemento: “Desde o comezo, a nosa mobilización desenvólvese cada venres vestindo de loito, e tamén desde o comezo, difundimos as nosas reivindicacións a través das redes sociais de forma colectiva, porque nesta loita pola defensa dos medios públicos implicámonos profesionais de todos os departamentos”. E cal foi a primeira reacción do equipo directivo? “Non podemos falar de primeiras reaccións do equipo directivo, porque sinxelamente non as houbo. Co paso das semanas foron demostrando unha nula capacidade de escoitar e sen embargo optaron por tentar silenciar o problema”.

A finalidade principal detrás do nacemento da CRTVG era ofrecer medios públicos en galego como garantía de difusión da lingua, ademais de garantir os criterios de obxectividade, veracidade e de pluralismo da información. Todo isto viña dentro da Lei 9/1984 de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia. Ademais, en 2011 elaborouse o texto da Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisuais. Este último marco legal non estaría a desenvolverse segundo apuntan desde #defendeagalega: “pedimos, simplemente, que se cumpra a Lei de Medios, aprobada hai oito anos, e que prevé instrumentos como o Consello de Informativos para velar pola independencia e a profesionalidade, e que a día de hoxe está sen constituír”.

O Consello de Informativos sería o lugar onde os propios traballadores e traballadoras, baixo criterios xornalísticos, elaborarían a axenda de noticias dos informativos de radio e televisión. Isto sempre sen intromisións políticas de ningunha caste, tentando preservar a independencia tanto da información como das tarefas xornalísticas.

A lei de 2011 inclúe tamén a elección do presidente da Corporación mediante votación no Parlamento de Galicia, para iso precisaría do apoio das tres cuartas partes da cámara galega. Mais a cuestión é que, en 2009, logo dun acordo PP-PSOE, a persoa que pasaría a dirixir a CRTVG sería o até daquela director de La Región, Alfonso Sánchez Izquierdo. Desde ese día, hai xa case dez anos, continúa no seu posto. Os motivos están na falta de maioría cualificada para a elección dun novo director e a falta de desenvolvemento da lei de 2011.

Sumado aos dous puntos anteriores, o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo presentou unha Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2016, coa que confirmaron no seu posto a Sánchez Izquierdo “sine die”. Así o recolle o texto: “o Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a súa dirección xeral continúan, nos termos establecidos na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, no exercicio das súas funcións ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión. Se neste momento non estivese elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da dirección xeral da Compañía”.

A PRESIÓN

A acusación de manipulación, desinformación e os coñecidos como “fakes” é o “pan de cada día” que moitas voces dirixen contra os medios. O nacemento de #defendeagalega quere visibilizar o feito de que estas accións non dependen da maioría dos e das profesionais. A política ou liña editorial que segue un medio depende en grande parte ou totalmente da dirección. “Hai moitas maneiras de dirixir os enfoques das informacións que se ofrecen, pero sen dúbida unha das principais eivas nas mesas de decisión é prescindir do criterio do xornalista, non escoitar a quen fai a cobertura informativa, non ter en conta o seu punto de vista á hora de seleccionar os contidos. E iso non só contravén a esencia mesma do xornalismo, senón que demostra pouca intelixencia e unha falta absoluta de respecto aos e ás profesionais”.

Existe algún risco para os e as profesionais da CRTVG de non aceptaren estas “directrices”? A resposta é afirmativa, pois estaríase cuestionando unha serie de normas “non escritas” dentro da “política informativa” da Corporación e os seus responsables. “Hai traballadores e traballadoras que precisamente por facer algo tan subversivo como querer aplicar criterios profesionais á hora de redactar unha noticia, son apartados e marxinados na redacción, pasando a realizar tarefas consideradas pola xefatura como de menor entidade ou importancia no informativo”.

A resposta anterior apunta o mobbing laboral que pode aplicarse desde os equipos directivos cara a redacción. Non obstante, existen outras vías de “axeitar” os contidos de programas informativos, como a precarización . “Canto máis precaria sexa a relación laboral máis difícil será poder resistir as presións sobre o traballo sensible. E nas redaccións da radio e da tele públicas é desgrazadamente cada vez máis habitual que as informacións «sensibles» se lles encarguen a redactores e redactoras bolseiras ou con contratos en prácticas”.

Persoas aínda en formación asumen tarefas propias de profesionais que son apartados e apartadas por non seguiren determinados criterios informativos

Por tanto, persoas aínda en formación asumen tarefas propias de profesionais que son apartados e apartadas por non seguiren determinados criterios informativos. Cuestiónase así non só a valía profesional, senón o valor engadido dos anos de experiencia e o coñecemento do medio. Xunto a isto, preguntados como se deixa sentir isto na escaleta de noticias, ou mesmo nos horarios de programación, #defendeagalega declara que “non hai un criterio único ou uns criterios marcados sobre a elaboración da escaleta. O que denunciamos é que moitas veces prima o criterio político sobre o criterio xornalístico á hora de escoller unha información, onde vai ou que duración ten”. Todo isto, insisten, sen ter en conta a opinión e o criterio dos profesionais da cadea.

A CONTRADICIÓN

O Premio José Couso para a Liberdade de Expresión leva o nome do cámara galego de Tele 5 asasinado durante a invasión de Irak. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia creara o premio para ser outorgado mediante votación dos profesionais colexiados e colexiadas, aos compañeiros e compañeiras que dunha maneira ou doutra, representasen co seu labor o exercicio da liberdade informativa e xornalística. A votación deste ano non deixaba dúbidas, #defendeagalega. “É un premio moi prestixioso, concedido en edicións anteriores a referentes do xornalismo libre e de calidade e ademáis leva o nome de José Couso, o noso compañeiro. O feito de que a decisión do premio parta precisamente de compañeiros e compañeiras xornalistas supón, ademais, o apoio expreso da profesión ás nosas demandas, e o seu recoñecemento á nosa dignidade”.

Denunciamos que moitas veces prima o criterio político sobre o criterio xornalístico á hora de escoller unha información, onde vai ou que duración ten

Os informativos da CRTVG sempre recollían a noticia da entrega, este ano de 2019, non. “A reacción suscitada na dirección da CRTVG fala por si mesma: a prohibición expresa de informar nos medios públicos desta noticia, porque é unha noticia, e así se considerou nas anteriores edicións do premio. Nesta ocasión, o medio que debera garantir a liberdade informativa tomou a decisión ‘corporativa’ de censurar a información”.

Non obstante, outros medios, públicos e privados si informaron tanto do premio como do comportamento da CRTVG. Tamén as redes sociais esparexeron máis alá do ámbito galego a situación e as protestas dos profesionais da Corporación. “Gustaríanos, por suposto, que a incidencia fose maior, entendendo incidencia como repercusión, coñecemento e apoio ás nosas reivindicacións. Por iso apelamos durante todo este tempo á implicación da cidadanía. Os medios públicos son de toda a sociedade, por iso é importante que todas e todos os defendamos. Con todo, ao longo de todos estes meses os apoios, dentro e tamén fóra, non deixaron de medrar, tanto de forma individual como de colectivos de todos os ámbitos, e iso danos azos para seguir”.


TVG


CRTVG condenada por vulnerar o dereito de folga

A Sección Primeira do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga á empresa a pagarlle ao sindicato CUT 15.625,50 € por substituír a unha presentadora folguista limitando o efecto da convocatoria de 24 horas.


Source link

Deja un comentario