O libro de Héctor Tejero (Madrid, 1981) e Emilio Santiago (Ferrol, 1984), prologado por Íñigo Errejón e recentemente publicado por Capitán Swing, fai unha presentación para todos os públicos —de doada lectura, exenta de notas a pé de páxina ou dunha bibliografía exhaustiva— dun termo que se vén instalando no discurso político e do ámbito ecoloxista, con todos os visos de se converter no renovado pelello dese desenvolvemento sustentable que xa amosa signos de ter esgotado o seu percorrido político e mesmo a súa viabilidade técnica. Ese termo non é outro ca o do Green New Deal, o New Deal verde, en referencia histórica ás medidas adoptadas por Roosevelt entre 1933 e 1936 para sacar os EUA da Gran Depresión, e que pretende aproveitar a súa positiva lembranza, aínda presente no imaxinario socioeconómico daquel país —como explican os autores—, e que foi posto de novo na primeira liña do debate político pola nova congresista estadounidense de orixe portorriqueña Alexandria Ocasio-Cortez, retomando un termo que acuñara Thomas Friedmann en 2007.

O libro de Tejero e Santiago ábrese cun repaso pola situación que metaforicamente representa o «incendio» do título, moi nesgada cara ao aspecto unicamente climático, probablemente debido a ser este o foco do activismo de Contra el diluvio, colectivo ao que pertence Tejero, e deixando a cuestión do declive enerxético (na que Santiago Muíño conta con máis experiencia) nun segundo plano (de feito, apenas se menciona ata a p. 66), o cal acaba lastrando a viabilidade de moito do que nos propoñen na parte final do libro, na que entran a describir en que pode consistir un programa político dentro desa denominación de Novo Pacto Verde.

Mais antes de entrar a debullar a proposta deste «manifesto», os autores fan unha defensa de por que ven este como o único camiño viable, entre dous polos que dan por desacreditados: por unha banda a continuidade baixo a fórmula tecnocrática do business-as-usual, e pola outra o que eles cualifican de «catastrofismo», achegando unha descrición del na que dificilmente ningún colectivo nin persoa se podería recoñecer, constituíndo así un evidente home de palla, unha falacia na que asentan boa parte da súa defensa do GND, que non deixa de ser unha reedición progresista (socialdemócratada) daquel «there is no alternative» thatcheriano, o cal —paradoxalmente— eles mesmos critican. Isto é: xa que non é «suficientemente realista» ou «politicamente viable» formular políticas máis radicais, que aposten claramente polo recoñecemento da situación nos seus graves termos e da necesidade do decrecemento (contradicindo así indicios sociolóxicos que apuntan a que en realidade non sería tan difícil de asumir polo propio electorado de esquerdas, e renunciando de antemán a tentar unha estratexia franca), non queda outra alternativa realista que a de apostar polo reformismo paulatino dun capitalismo verde como «prerrequisito» previo a un poscapitalismo que si asuma —por fin— a necesidade de decrecer, o cal eles sitúan a un par de décadas vista. Tal e como recoñecen (p. 217), «o Green New Deal non fai senón regresar a formas de capitalismo socialmente máis razoables que eran predominantes antes dos anos setenta engadíndolles reformismo ecolóxico».

Incendio Edificio Windsor

A cuestión do tempo amósase fundamental para argüír que o GND é unha opción axeitada á crise civilizatoria: malia Santiago Muíño ter repensado as súas posicións e renegar dos prazos, acaba dando igualmente unha referencia temporal como base desta proposta, só que máis dilatada, pois —segundo afirma con Tejero— o GND é basicamente un plan para «gañar tempo». Porén, en ningunha das case 250 páxinas do libro poderemos descubrir mediante que mecanismo concreto as medidas que eles propoñen fornecerían ese tempo extra nin canto tempo se gañaría. Mais ben podemos intuír o efecto contrario, pois unha fuxida cara a diante (máis complexidade —big data, smart cities—, máis extractivismo —para tentar cubrir con renovables o nivel de consumo actual—, etc.) que non acabe de renunciar ao crecemento (e ao que eles recoñecen como a «enfermidade», isto é: o capitalismo), o que vai implicar a nivel metabólico é un máis rápido esgotamento dos combustibles e dos minerais, e un aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro. Isto é o que xa levan advertindo os modelos de dinámica de sistemas desde hai máis de 40 anos: alongar a vida deste sistema só provocará unha caída máis brusca, no canto de evitala. Ademais, precisamente por medio desa defensa do extractivismo como mal menor e «transitorio» (pp. 175-176), o GND resulta un pacto fáustico que estira un chisco máis un modelo insustentable a conta de destruír territorio, como se non fósemos precisar cada hectárea de solo para nos alimentarmos cando a agricultura industrializada deixe de ser viable, un aspecto crucial que tampouco incorporan na súa análise.

Con todo, non poucas das medidas propostas neste libro-manifesto (así como da súa análise política e antropolóxica) poden ser compartidas por boa parte do ecoloxismo social, ou mesmo do movemento polo Decrecemento, polo Bo Vivir, a Vía da Simplicidade de Trainer, as propostas dun futuro alternativo de Turiel, ou a rede internacional das Transition Towns, pois non deixan de ser de sentido común. Xunto cunha confianza moito maior por parte dos autores nas capacidades da tecnoloxía ou do alcance termodinámico da eficiencia e da reciclaxe, o principal factor de diverxencia radica en que non se parte dun diagnóstico coincidente (eles asumen que aínda hai tempo para este tipo de rodeos, que non hai unha emerxencia enerxética ás portas, ademais de caer nun evidente antropocentrismo ao xulgaren que a cousa aínda non vai tan mal, como lles reprochou Jorge Riechmann).

Este diagnóstico lévaos a pensar que é factible e axeitado un abandono paulatino e disimulado do capitalismo (no que se busca expresamente ter de «aliadas» as propias empresas capitalistas!), pasando por unha fase intermedia na que se aminoren os seus efectos máis destrutivos nos terreos social e ecolóxico. Polo menos que se aminoren nos países enriquecidos (agás pola cuestión devandita do extractivismo local) pois as implicacións desta carreira a prol dunha electrificación masiva das nosas sociedades (extrapolable a todo o mundo?) alimentada polas mal chamadas «enerxías renovables» pode dar pé a algo sobre o que pasan silandeiramente os autores: o que Carlos de Castro denominaba «colonización renovable» (outros chámano «colonialismo verde») dos países empobrecidos.

Tristemente, a xustiza climática apenas se trata de pasada (pp. 36-38), con declaracións como «a loita contra a mudanza climática non pode ser unha sorte de efecto rebote perverso da dominación colonial ou clasista», para esquecer despois no resto do libro as repercusións que as propostas presentadas terían sobre ese aspecto incómodo da promesa 100% renovable sobre o que tampouco Ocasio-Cortez, Jeremy Corbin ou a socialdemocracia española (PSOE, Podemos, etc.) fan mención nin cálculos. A única «xustiza» presente no resto da obra é a «social», claramente referenciada ás propias sociedades industrializadas na que se aplicaría este plan reverdecedor.

Ás eivas do texto podemos acrecentar a presenza, en diversos apartados do libro, dun notable grao de tecnooptimismo que delata que os autores non se desembarazaron totalmente dos mitos da Modernidade e do Progreso: confianza na tecnoloxía e na «innovación», mito da «economía circular» (como poderiamos xustificar eses pretensiosos termos cando a reciclaxe do metabolismo industrial é tan ridícula e non hai maneira viable de aumentala sen disparar o consumo enerxético varias ordes de magnitude?), mito da desmaterialización da economía por medio das TIC, capacidade da reciclaxe de materiais para soster ela soa a Megamáquina renovable, etc. Outra carencia moi salientable do libro é a apenas perceptible presenza do concepto de resiliencia (as escasas mencións limítanse á «resiliencia climática» ou «ecosistémica»), que segundo algún sobranceiro autor que eles mesmos inclúen nas súas referencias (Dennis Meadows), debería ser a que guiase as políticas para facermos fronte á crise ecosocial, en substitución do paradigma da sustentabilidade, no que aínda pretenden dar outra volta de porca co flamante novo lema do GND, como compañeiro necesario —pola banda esquerda— da axenda dos ODS e da (suposta) 4ª Revolución Industrial.

Así e todo, entre os acertos e valores do libro cómpre recoñecer, por exemplo, a necesaria advertencia lanzada (pp. 151-155) a certa póla libertaria do movemento colapsista de que o Estado aínda vai manter moita capacidade de facer (ben ou mal) nas décadas que temos por diante, e que polo tanto sería irresponsable deixar ese campo de xogo político en mans da alternativa nazi (da que levan moito tempo advertindo Susan George, Carl Amery, Carlos Taibo, Fernández Durán & González Reyes, entre outros). Unha alternativa, por certo, que non rexeita a radicalidade antisistémica do discurso nin das propostas, mentres que a esquerda aínda non se dá librado (este libro é unha proba máis) dun tépedo reformismo que non está á altura dos tempos radicalmente diferentes que estamos a vivir. Malia esta advertencia, os autores non desprezan a construción de sementes de poscapitalistmo desde abaixo, e mesmo apostan claramente por unha estratexia dual (p. 136 e outras), aínda que non deixe de renxer o feito de cederen á vangarda da transformación antropolóxica ecosocialista en mans dos proxectos non-estatais, renunciando en boa medida —sen xustificación aparente— á capacidade de comunicación e evanxelización en mans dos medios de comunicación dos que dispón o Estado e os partidos políticos, ou a contribuír dunha maneira decidida á mudanza cultural precisa mediante políticas nidiamente coherentes desde o vértice superior da estratexia dual (predicar co exemplo / propaganda polos feitos).

A impresión final do libro ben podería plasmarse levando a selección do título a unha irónica conclusión que contradí a que pretenden argumentar os seus autores: «Que facer en caso de incendio?» …Semella claro que o sentido común non nos levaría precisamente a facer un «pacto» co lume ou cos pirómanos que o provocaron. O que cómpre é extinguilo, se aínda é posible e non arriscamos a nosa vida no intento, ou correr cara á saída de emerxencia máis achegada se o edificio (capitalista-industrial) xa non ten salvación.


Source link

Deja un comentario