Jordi Pigem (Barcelona, 1964) é probablemente, xunto con Jorge Riechmann, un dos filósofos que no Estado español máis se dedicou a reflexionar sobre o colapso civilizatorio no que estamos a penetrar. Aínda que as súas obras máis coñecidas son dúas (La odisea de occidente: modernidad y ecosofía, Kairós, 1994; e Inteligencia vital: una visión postmaterialista de la vida y la conciencia, Kairós, 2016), o conxunto da súa obra ofrece unha perspectiva integral e multifacética do momento histórico que vivimos, visto desde a filosofía, mais cunha sólida base científica e psicolóxica plasmada en multitude de citas e referencias a investigacións das últimas décadas, coas que enriquece as súas páxinas.

Así, noutras obras súas como Buena crisis: Hacia un mundo postmaterialista (Kairós, 2009), GPS (global personal social): valores para un mundo en transformación (Kairós, 2011), ¿Dijo usted austeridad? Psicopatologia de la (ir)racionalidad económica (Proteus editorial, 2012), La nueva realidad. Del economicismo a la conciencia cuántica (Kairós, 2013) ou Ángeles o robots: la interioridad humana en la sociedad hipertecnológica (Viena Edicions, 2017) vai abordando diversos aspectos desta etapa terminal dun modelo de civilización que afunde as súas raíces no comezo da Modernidade, ou mesmo máis atrás (Grecia clásica).


Literatura


Contar o mañá

Cando as narradoras afrontan o reto de inventar como vai ser o mundo tras o colapso da civilización industrial.

É moi notable que Pigem fose, xa desde o comezo desta crise terminal, un dos autores que comezou a sinalar con máis claridade o factor enerxético, salientando a relevancia da chegada do petróleo ao seu Teito ou Cénit (o «final da festa fósil», nas súas palabras). Mais el achega outras perspectivas, nun enfoque holístico (non en van foi profesor no Masters in Holistic Science do Schumacher College no sur de Inglaterra), que non se adoitan atopar noutro tipo de divulgacións do problema enerxético do metabolismo capitalista; así, nos seus libros podemos atopar moita historia da ciencia, moita psicoloxía e neurociencia, moita ética e mesmo un enfoque que entra de cheo no terreo espiritual. Lendo a Pigem comprendemos que é precisamente ese enfoque multidisciplinar o que nos permite percibir mellor non só de onde procede a enfermidade mortal deste modo de vida, senón cales son os camiños polos que abrir paso a uns novos modos de vida en paz co planeta e con todas as formas de vida, dotadas —segundo el argumenta— todas elas de intelixencia.

O enfoque holístico permítenos percibir de onde procede a enfermidade mortal do noso modo de vida.

As raíces do pensamento do filósofo catalán podemos rastrexalas desde o filósofo e teólogo Raimon Panikkar até a ecosofía do pensador noruegués creador do concepto da ecoloxía profunda, Arne Næss, pasando por outras figuras como E. F. Schumacher (O pequeno é fermoso), Fritjof Capra (O Tao da Física) ou Ivan Illich (A convivencialidade), cuxo pensamento inza os libros de Pigem trenzando un discurso coherente e moi inspirador. Unha das ideas-forza inspiradoras que nos transmite Pigem é a da «boa crise», que comeza a empregar en 2008-2009, no sentido de ser unha xanela de oportunidade única para nos repensar como seres humanos e como sociedades, empurrados pola necesidade do colapso enerxético-ambiental mais apoiados por perspectivas que son, ao mesmo tempo, modernas (a física cuántica, por exemplo, ou os últimos descubrimentos da bioloxía) e ancoradas en tradicións sapienciais (o budismo do camiño medio, nomeadamente), e que el cualifica de «posmaterialistas». Lémbranos, para isto, que o significado orixinal de «crise» no campo de medicina identificaba un momento decisivo no que se experimentaba un empeoramento dentro dunha enfermidade… ou unha melloría definitiva que levaba á curación. E aínda que esta civilización xa non teña cura, se cadra a salvación da nosa especie pase por unha transformación noutra totalmente diferente, que nos leve «alén do ego», do consumismo, do materialismo, do crecemento económico sen fin, da separación da natureza, da obsesión polo control e doutros males que el vai debullando en libros como Buena crisis.

Tavertet

Pigem critica o materialismo nas súas dúas acepcións, mutuamente realimentadas: como comportamento consumista, e como visión do mundo baseada unicamente na materia, que se remonta ao pensamento de Platón e que vén sendo a «pedra angular do pensamento occidental». Así nos explica que o posmaterialismo «implica a superación de dúas crenzas interrelacionadas: que o único que existe é a materia, e que hai unha separación radical entre a psique humana e o mundo» (Buena Crisis, p. 96).

O posmaterialismo implica superar a dupla crenza de que só existe a materia e de que a mente está separada do mundo.

Asemade, os seus libros achegan —cunha linguaxe e estrutura que facilitan a súa lectura e comprensión— argumentos contundentes para a crítica ao capitalismo e ao seu modelo económico, que —xustifica razoadamente— encaixa perfectamente nas definicións de certas patoloxías psiquiátricas. Con todo, para el, a transición civilizatoria que debemos comezar a emprender (a «Gran Transición»), debe incluír unha «mudanza de conciencia» paralela ao cambio político e económico, xa que «a crise ecolóxica é reflexo da crise interior». Así, formula un triplo eixo «GPS», «global – persoal – social», para unha mudanza de valores e de imaxinario colectivo nun mundo en transformación (ou en descomposición, máis ben), é dicir, un novo «horizonte ético».

En definitiva, un autor moi necesario para orientarnos a nivel interior nas mudanzas radicais que estamos comezando a vivir, ao tempo que moi útil para armarnos de argumentos cos que desmantelar de maneira segura e resiliente o aparato civilizatorio-metabólico do capitalismo fosilista.


Source link

Deja un comentario