Desde hai décadas está instalado no país un lugar común que suscita un elevado consenso a esquerda e dereita do arco político: Galiza é un país a cada paso máis avellentado e isto supón un problema que debemos resolver. A última proposta ao respecto vai tomar corpo nunha Lei do impulso demográfico, da que se estivo a debater nos pasados días no noso parlamento e cuxo percorrido comezara xa hai uns meses. Neste debate adoita falarse cunha paixón cargada de dramatismo («sangría», «pozo demográfico», di Villares; «hecatombe», chega a titular algunha prensa). A situación demográfica caracterizada por un aumento da poboación en idades avanzadas e unha caída nos nacementos, supón un «problema» —segundo o discurso hexemónico— porque ameaza a «sostibilidade demográfica» e mais «a sostibilidade do Estado do Benestar, fundamentalmente pola presión sobre os sistemas de pensións, de saúde e sobre os servizos sociais de atención ás persoas maiores e ás persoas dependentes» (texto da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica).

O apaixonado debate sobre a demografía na Galiza parte da premisa de que precisamos máis poboación, e xa que logo, máis nacementos.

Porén, todo o debate demográfico parte dun erro de vulto: o que sostén (o que fai «sostible») o país, as súas pensións, o seu Estado de Benestar, servizos públicos, etc. non é dispor dun determinado número de persoas en idade de traballar, cotizando ás arcas públicas, senón, en derradeira instancia, a dispoñibilidade de enerxía exosomática en cantidade e cualidade suficiente para producir un determinado nivel de riqueza e soster un determinado número de servizos. Isto é: o que terma das pensións e dos servizos públicos é a enerxía que move o metabolismo industrial e que deixa un superávit, un excedente enerxético, que transformado en capital monetario, en capital construído, ou gastado en fornecer servizos (pensemos, sen ir máis lonxe, na enerxía que consomen os hospitais, ou os vehículos de policía, bombeiros e ambulancias…). Por suposto que precisamos man de obra que manexe os elementos que transforman esa enerxía, pero sen ela non cabe falar de «sostibilidade» por moito que se favoreza a natalidade. Claro que é acertada a postura da oposición de centrar o debate nos factores económicos máis alá do saldo vexetativo, mais detéñense aí, no plano económico, sen comprender que o que move a economía é a enerxía, e que esta está a piques de comezar a escasear. Nas súas ecuacións sobre poboación / natalidade / poboación activa / servizos públicos / empregos… falta unha variable fundamental que inflúe sobre todas as demais: enerxía dispoñible.

En segundo lugar, todo o debate da «renovación xeracional» parte da hipótese dun mundo baleiro (ou cando menos, aínda con espazo por encher), que cómpre encher até un nivel superior, coma se non fósemos xa demasiada xente no planeta exercendo unha presión insostible sobre os ecosistemas. Xa que logo, se en Galiza se considera que debería haber máis habitantes (pola razón que for), a única postura ética sería valorar a maneira de convidar e acoller masas de inmigrantes daqueles puntos do planeta onde a poboación é excesiva para os recursos locais, ou de onde foxe por razóns de forza maior, e non contribuír a aumentar aínda máis a poboación total. O cal leva a outro dos puntos fundamentais: queremos aumentar o número de galegas e galegos, mais… botamos contas de cantos podemos alimentar cos recursos do país?

O que alimenta o noso Estado do Benestar máis que a poboación activa é a enerxía transformada polo noso metabolismo económico en riqueza excedente.

Se a nosa clase política ollase as advertencias lanzadas por institucións oficiais como a Axencia Internacional da Enerxía, sabería que o petróleo ten os días contados. Isto fai precisa a relocalización económica, e por suposto alimentar (reducir moito os quilómetros que levan ás costas os alimentos que consumimos). E se lesen os informes de prospectiva de think tankseconómicos, militares ou de compañías de seguros (xa pedirlles que lesen os de científicos do campo da xeoloxía ou da dinámica de sistemas sería demasiado), saberían que iso expón á totalidade dos países industrializados a un risco moi elevado de desabastecemento tanto de combustibles como, en derradeira instancia, debido ao actual sistema agroalimentar mundializado, ao desabastecemento de alimentos.

Sabemos que o país só se dá alimentado a si mesmo nun 50%, así que cando nos vexamos enfrontados a aquilo que xa viviron anticipadamente en Cuba… adelgazaremos á metade do noso peso todos e cada un(ha) de nós, ou terá que morrer de fame a metade da poboación? …E iso falando dunha poboación como a actual: se a queremos soster ou aumentar (a iso se refiren os termos de «dinamización» ou «sostibilidade demográfica», non si?), precisamente no intre da historia no que máis ameazada está a soberanía alimentaria por culpa do declive dos combustibles fósiles (precisos para cultivar, transportar, conservar ou cociñar, de tal xeito que por cada caloría que inxerimos son precisas outras 10 de petróleo ou gas) e do acelerado caos climático. Como pensamos facelo?

E precisamente ese mesmo caos climático augura que nas décadas vindeiras o noso país deberá acoller, con toda probabilidade, talvez decenas de milleiros de migrantes climáticos procedentes do sur da Península Ibérica, a medida que avance a súa desertificación. Non esquezamos que o principal problema do cambio climático para a nosa especie vai ser o esborrallamento do sistema agrícola mundial. Así que a análise do preámbulo do anteproxecto de Lei que afirma que «as variacións de poboación nas últimas décadas evidencian como os procesos de retorno migratorio e de inmigración non son capaces de compensar os balances negativos do crecemento vexetativo, así como que volve recobrar importancia a emigración» cae na falacia do presente perpetuo, e falla á hora de prever a importante volta que poden dar eses factores demográficos nun prazo de tempo bastante curto (teito do petróleo, agravamento da mudanza climática, etc.).

No debate demográfico está totalmente ausente o decisivo factor do declive enerxético que nos agarda.

Estes factores, por desgraza, están totalmente ausentes do actual debate sobre a nosa demografía, por moito que presuma a Xunta de que «a xestión desta situación obriga a adoptar unha visión sistémica e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar» (íbid) e que recoñeza que «a Organización das Nacións Unidas […] recolle de forma explícita na Axenda 2030, coa que se comprometeron os gobernos español e galego, a necesidade de afrontar os efectos da nova dinámica demográfica, sobre todo dende a perspectiva do desenvolvemento sustentable».

mujer embarazada

Unha verdadeira «visión sistémica» debería incorporar necesariamente no debate demográfico, en primeiro lugar, a cuestión da relación poboación / capacidade de carga, e a determinación do máximo nivel sostible de poboación no noso país. E continuar con: a pegada enerxética do país; o nivel de seguridade e soberanía alimentar actual e previsto en ausencia de importacións de alimentos; a capacidade do territorio de aumentar a produción local de alimentos; as posibilidades de mellorar os plans de retorno de emigrantes e dos seus descendentes, así como a creación de condicións que aminoren a nova emigración; o acollemento de poboacións desprazadas directamente pola mudanza climática ou indirectamente a causa de conflitos bélicos polos recursos minguantes; a necesaria repoboación do campo, como consecuencia do devalar enerxético, e a paralela reversión das migracións ás cidades das últimas décadas. E iso só para comezar.

En definitiva: realmente soluciona algo aumentar a natalidade? Ou máis ben agrava outros problemas e nos sitúa como país nunha posición problemática diante dun futuro de escaseza e forzado decrecemento económico? Non será o noso verdadeiro problema demográfico, o verdadeiro perigo, sermos xa agora máis habitantes dos que o país vai poder manter mediante os recursos de seu nun futuro nada afastado? Antes de lanzarnos a promover que as galegas teñan máis fillos, analicemos se lles van poder dar de comer, e mesmo se o país vai ter que escoller entre alimentalos a eles ou aos inmigrantes e refuxiados que han chegar desesperados ás nosas terras en cantidades que poden multiplicar as actuais en varias ordes de magnitude. Non pensar nisto á hora de lanzar políticas que forcen a nosa demografía nunha dirección pro-natalicia é sumamente imprudente, mesmo criminalmente temerario.


Source link

Deja un comentario